Alegación á modificación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior de Bouzas



Queremos compartir a alegación que presentamos hai uns meses ao respecto da aprobación do PEPRI de Bouzas; que, como tantos outros planeamentos, obvia os valores positivos dos cascos históricos.

Os polígonos de actuación
A proposta de reforma interior planeada, aludíndose nesta alegación principalmente aos polígonos POL-1 e POL-4; na memoria xustificativa da M.P., indícase (apartado 2.2): “[…] No solo urbano non consolidado, a proposta é dunha intervención radical, primando o criterio de reforma interior, reordenando a edificación, rematando as zonas verdes inacabadas e incorporando un itinerario ben estruturado de espazos libres de uso público e equipamentos. […]

Ao respecto desta afirmación, en primeiro lugar queremos salientar que se entra en contradición cos planos ao falar de incorporar un itinerario ben estruturado de espazos libres de uso público e sen embargo planear espazos libres privados, sen acceso público nin tan sequera comunicación visual co viario público, convertendo a riqueza espacial coa que contan os cascos históricos galegos nunha simple adaptación dos pobres espazos xerados polos ensanches propios dos anos 60.

O trazado de novo viario, como se pode observar na superposición entre o plano orixinal e a proposta de ordenación (incluída con anterioridade), obvia por completo a historia do lugar, especialmente os trazados de camiños orixinais, que poderían aportar un gran valor cultural e divulgativo da importancia histórica do núcleo.

Aínda que compartimos a necesidade de realizar unha intervención adaptada aos novos tempos e necesidades, que non supoña unha “imitación” de modelos, usos e acabados xa non válidos ou necesarios; consideramos que a edificación proposta nestes polígonos non respecta os modos de agrupación e de crecemento do núcleo. A escala humana característica dos núcleos históricos, xerada por estreitas rúas que crecen ata converterse en prazas, coa fragmentación dos espazos e diversidade nos modos de vivir a cidade; desaparece por completo na proposta.

A proposta supón unha simplificación economicista da promoción de vivendas, levándonos a un espazo similar ao erro que se cometeu no ámbito da rúa Johan Carballeira, que nada ten que ver co núcleo histórico de Bouzas.

Resulta moi doado comparar o resultado obtido na rúa Johan Carballeira (similar ao que resultaría de levarse a cabo o novo planeamento, aínda que cun pouco menos de altura), co tipo de espazo e modo de vida que supón o Casco Antigo:

               

Rúa Johan Carballeira na actualidade



Casco histórico de Bouzas

A vista de paxaro incorporada no M.P. evidencia o ataque frontal ao núcleo protagonizado pola edificación proposta. A variación é a maior riqueza coa que conta Bouzas, a uniformización proposta, xunto coa volumetría de grandes dimensións e escala non humana, fai perigar a integridade do núcleo e desvirtúa por completo a súa imaxe. Emprégase unha textura similar no acabado de cuberta e fachadas, coma se a integración fose unha cuestión de cores e non de escala. 

Ademais a propia imaxe obvia os viarios e os espazos libres de parcela, camuflando a proposta entre os xardíns e hortas existentes na actualidade, que en ningún caso se corresponde coa realidade que nos quedaría.




Imaxe incluída na M.P., camuflada


Imaxe salientada da construción



Proposta de actuación
Aproveitamento público dos espazos libres interiores, con fins lúdicos, culturais e sociais. A xeración de espazos libres de parcela privados para as novas edificacións leva irremediablemente á perda destes coma espazos de uso real, dificulta a integración social dos novos habitantes e esquece os valores de estancia e conversa existentes nos cascos vellos. Polo tanto deben proxectarse alternativas que inclúan na trama urbana pública estes espazos.

Desuniformización do trazado das aliñacións e das cornixas. A escala humana, e con ela o ambiente agradable e vivible propio dos Cascos Históricos, depende en gran medida da fragmentación, da variación, do xeito de converterse as rúas en prazas, en recunchos. A diversidade nos modos de estar, fluíndo dende a simple parada, pasando polo descanso ou espera e chegando a converterse nun lugar onde pasar un rato; é boa parte da riqueza do núcleo de Bouzas, e non se debe perder coas novas construcións. 

Trazado de viario con referencia visual directa ao trazado orixinal. Do mesmo modo a edificación proposta debería nacer con raíces na edificación tradicional e afastarse dos modelos mercantilistas baseados na igualdade no deseño, na simplicidade formal e na falta de espacialidade humana. Os modos de parcelación orixinais deberían deixar unha pegada no núcleo, e non desaparecer cun trazado que nin sequera aporta un valor engadido especial (coma si fan certas intervencións “radicais” executadas en outras cidades) 

O que se propón e o emprego de xeitos de agrupación e modos máis variables e correlacionados co núcleo, xerando espazos que collan deste as vantaxes de uso e vivencia:


                     
En definitiva, demándase que o elemento vertebrador fundamental do núcleo sexa o espazo libre público de pequena escala, e non a edificación que separa, que xera unha barreira coa súa propia fachada, pervertindo o que é propio do núcleo histórico de Bouzas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario